O Goberno galego, a través da Consellaría de Cultura e Deporte, ten como obxectivo promover e incentivar a cultura galega. O recoñecemento público ás persoas ou colectivos que crean e difunden a cultura galega é un xeito de participar activamente nesa promoción.

Por esta razón a Consellería de Cultura e Deporte convoca os Premios Nacionais de Cultura Galega, para facer mención pública de quen se teña destacado no enriquecemento da cultura galega pola súas obras, pola súa participación en iniciativas creadoras ou por contribuír ao afortalamento do noso patrimonio material ou inmaterial.

Neste contexto creamos os Premios Nacionais de Cultura, unha boa ferramenta para visibilizar un traballo que decote é constante, silencioso e que non agarda máis recompensa que o goce por parte dos galegos e galegas dos froitos desa entrega e a constante superación persoal.

Tal e como ten recoñecido a Unesco a Cultura, na súa diversidade, posúe un valor intrínseco tanto para o desenvolvemento como para a cohesión social e a paz. É unha forza que move aos pobos no crecemento económico e tamén na procura dunha vida intelectual, afectiva, moral e espiritual máis enriquecedora.

Simultaneamente, o recoñecemento da diversidade cultural leva ao intercambio entre os pobos, ao respecto e á comprensión mutua. Isto é un verdadeiro reto para o mundo actual e a este reto Galiza non pode ser allea. A nosa achega a este concerto universal de voces debe ser responsablemente apoiado e difundido.

A galega é unha cultura que asistiu nos últimos mil anos a momentos de máxima difusión e recoñecemento, así como a tempos escuros. Todo este devir histórico amósanos a importancia de recoñecer publicamente o mérito e o esforzo daqueles que traballan no ámbito da cultura en Galiza.

É un exercicio de responsabilidade defender e fomentar as obras creadoras que nacen en Galiza e por isto creamos os Premios Nacionais da Cultura Galega.