|
O
xurado dos Premios nacionais da cultura galega, tal e como se recolle na súa
creación, é un xurado único, formado por 15 persoas e profesionais de recoñecido
prestixio e representativas de distintos sectores da cultura nas actividades
obxecto dos respectivos premios.
María Xosé Agra
Romero: Catedrática de Filosofía
Moral e Política da Universidade de Santiago. A súas liñas de investigación
diríxense á filosofía política, teorías da xustiza e teoría crítica feministra.
É autora de J. Rawls: el sentido de justicia en una sociedad democrática,
Corpo de Muller. Discurso. Poder. Cultura (coordinadora), e Ecología y
Feminismo, xunto con artigos e capítulos en numerosas publicacións e libros
colectivos. É directora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura.
Rosario Álvarez
Blanco: Catedrática de Filoloxía
Galega na Universidade de Santiago e directora do Instituto da Lingua Galega.
Formou parte do equipo do Atlas Lingüístico Galego desde os inicios. É
membro da Real Academia Galega, onde ingresou co discurso Variedade e
diversidade da lingua. Algunhas reflexións sobre cambio, variación e galego
estándar. Publicou diversos traballos de índole lingüística. É coautora da
Gramática da lingua galega editada por Galaxia.
Xosé Ramón Barreiro
Fernández: Catedrático de Historia
Contemporánea de Galicia na Universidade de Santiago e presidente da Real
Academia Galega. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia. É autor de
obras xurídicas e estudos de historia, como El carlismo gallego,
Historia Contemporánea de Galicia, Historia de la imprenta en Galicia
e os catro volumes dedicados ós séculos XIX e XX dentro do proxecto editorial
Galicia. É membro do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, do
Seminario de Estudios Galegos e do Consello da Cultura Galega, entre outros.
Xosé Luis Barreiro
Rivas: Profesor e director do
Departamento de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago. Foi
vicepresidente e conselleiro da Presidencia do Goberno Galego e impulsor da TVG.
É autor de libros como Ciencia política e ética do poder, Parlamento
en el desierto, A terra quere pobo e As inxurias da guerra, e
numerosos traballos incluídos en libros colectivos. É analista político de La
Voz de Galicia.
María Bouzas:
Actriz, presidenta da Academia Galega do
Audiovisual. Ten unha extensa traxectoria profesional en teatro, cine e
televisión. Cofundou a compañía teatral Compañía de María’. En cine participou,
entre outros, nos filmes Urxa, Blanca Madison, O alquimistra
impaciente. Abrígate e Unha muller invisible, ademais de
varias curtametraxes. En televisión participou en varias series e foi
protagonista principal de Terras de Miranda.
Xosé Manuel Buxán
Bran: Profesor de Escultura na
Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Foi comisario de exposicións
como Identidades feridas: da arte na doenza, Malas artes e
Radicais libres. Experiencias gays e lésbicas na arte peninsular. É autor
das compilacións Estudios lesbianos y gays en el estado español e
Lecciones de disidencia. Ensayos de crítica homosexual, e coordinador do
proxecto Ant_art para o semanario A Nosa Terra.
Domingo Docampo
Amoedo: Catedrático do
Departamento de Teoría do Sinal e de Comunicacións da Universidade de Vigo. Foi
reitor desta universidade e conta cunha longa traxectoria como investigador. É
autor do libro Tecnoloxías da Información e as Comunicacións: unha visión
desde Galicia, ademais de máis de setenta artigos e comunicacións en
revistas, libros e actas de congresos. É membro de Honra da Asociación de
Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e profesor Emérito da Universidad
Tecnológica Equinocial de Quito (Ecuador).
María Isabel Fraga
Vila: Profesora de Bioloxía
Vexetal e directora do Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade
de Santiago. Doutorouse coa tese Aportación al estudio taxonómico de las
especies de los géneros Eric y Calluna presentes en Galicia. Dirixiu
diversos estudos e investigacións sobre botánica e escribiu artigos como
Efectos das mareas negras en organismos e comunidades vexetais e A
riqueza vexetal do Camiño.
Celestino García
Braña: Arquitecto, decano do
Colexio de Arquitectos de Galicia. É membro da Real Academia Galega das Artes
Nosa Señora do Rosario, e profesor de Estética e Teoría da Arquitectura na
Universidade da Coruña. Foi finalista do Premio da Arquitectura Española
convocado polo Ministerio de Fomento. Entre os seus proxectos máis coñecidos
están a recuperación do antiguo edificio do bar Rianxo para sede do Museo
Provincial de Pontevedra e a restauración do Mosteiro de Caaveiro.
Ana Romaní Blanco:
Escritora e xornalista, directora
do programa Diario cultural da Radio Galega. Participou na creación da
revista Festa da Palabra Silenciada e na da asociación Mulleres Galegas na
Comunicación. É autora das obras poéticas Palabra de mar, Das últimas
mareas e Arden, ademais de coordinadora do volume de relatos
Narradio. 56 historias no ar. Tomou parte en diversos proxectos artísticos e
musicais.
John Rutherford:
Profesor do Queen’s College da
Universidade de Oxford e presidente da Cátedra de Estudos Galegos desta
universidade. Foi fundador da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
Traduciu ao inglés a varios autores galegos, como Castelao e Méndez Ferrín, e
fomentou os estudos sobre a cultura e a literatura galega no Reino Unido. É
autor dunha novela en galego, As frechas de ouro.
Felipe Senén López
Gómez: Museólogo e xestor cultural
da Deputación da Coruña. É presidente e fundador de Amigos dos Museos de
Galicia. Impartiu conferencias sobre arte e etnografía e é autor de varias
publicacións. Dirixiu o Museo Arqueolóxico da Coruña. É membro numerario da Real
Academia Galega de Belas Artes e do Instituto Cornide de Estudios Coruñeses.
Pertence ao Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos e ao Consello da
Cultura Galega.
Xurxo Souto:
Músico e escritor, director de programas
da Radio Galega. Liderou a banda Os Diplomáticos de Monte Alto, que encabezou o
movemento coñecido como ‘rock bravú’. Traballou en diversos programas
radiofónicos, como A tropa da tralla e Aberto por reformas, e
colaborou en varias publicacións. É autor de libros de relatos como A tralla
e a arroutada e Tres trebóns ou a novela O retorno dos homes
mariños. Na actualidade forma parte do grupo musical Os Tres Trebóns.
Laura Tato Fontaíña:
Profesora da Facultade de
Filoloxía e Humanidades da Universidade da Coruña. Os seus estudos céntranse na
literatura galega, con especial atención ao teatro, sobre todo ao anterior á
Guerra Civil. Ademais de numerosos artigos, é autora de varios ensaios, entre os
que destacan Ricardo Carvalho Calero, a dignidade persoal, Teatro
Galego (1915-1931) e Historia do Teatro Galego. Das Orixes a 1936.
Ramón
Villares Paz: Catedrático de
Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente do Consello da
Cultura Galega. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia e reitor da
Universidade de Santiago. Foi membro fundador e presidente da Asociación
Española de Historia Contemporánea. É autor de máis de setenta publicacións,
entre as que que se atopan títulos como Foros, frades e fidalgos, Estudos de
historia social de Galicia, Galicia. A Historia, Figuras da nació’
e Historia de Galicia.
|